Noticias e alertas

Tomiño estrea a área do Seixo cunha concentración de autocaravanistas e moita música

10/04/2024

Tomiño estrea a área do Seixo cunha concentración de autocaravanistas e moita música


 O Concello avisa de que os días 12, 13 e 14 os aparcadoiros da rúa Tui e A Rocha estarán reservados para as autocaravanas participantes no encontro


Tomiño estrea co bo tempo a nova área de autocaravanas do Seixo. Este sábado 13 de abril, o Concello acollerá no aparcadoiro situado fronte ao edificio da Policía Local e de Benestar Social, na Rocha, unha importante concentración de autocaravanistas coa que inaugurar este espazo que “dá resposta a un modelo de viaxe alternativo en auxe que ao longo do ano trae a moitas e moitos visitantes a Tomiño, como confirma a grande acollida e ocupación da área aberta en Goián o pasado verán”, como recorda a alcaldesa, Sandra González.


Agárdase que ducias de autocaravanistas se acheguen esta fin de semana a Tomiño para desfrutar desta nova área con seis prazas sinalizadas e cos servizos necesarios para baleirar as augas grises de cociña e baño e as augas negras (WC), así como para o abastecemento de auga para poder encher o depósito e iluminación pública, axardinamento e arborado do perímetro.


Esta xornada festiva comezará ás 11.30 horas cun pasarrúas a cargo da treboada ‘Os Terribles’, que amenizará o ambiente dende a Praza do Seixo ata a nova área de autocaravanas. Unha vez alí, ás 12.00 horas celebrarase o acto de presentación oficial deste novo espazo no que o Concello investiu 40.000 euros e que situará ás e aos visitantes a menos de 5 minutos camiñando do núcleo do Seixo.


Xa pola tarde a festa continuará coa actuación do grupo Adredde, que tocará na Praza do Seixo de 20.30 a 23.30 horas. A Asociación Galega de Autocaravanas realizará ademais actividades tanto para persoas non asociadas como para socios e socias, para as e os que organizarán visitas guiadas e unha comida conxunta.


Dende o Concello avísase a toda a veciñanza que durante o venres 12, sábado 13 e domingo 14 de abril os aparcadoiros da rúa Tui e da Rocha estarán reservados para as autocaravanas participantes nesta concentración inaugural.


Sandra González sinalou que con estas dúas áreas de autocaravanas en activo “seguiremos dando pulo a un turismo de calidade que permita ás persoas visitantes achegarse ao noso territorio, un turismo activo con importantes repercusións para a economía local que sitúa a Tomiño como un destino recoñecido e relevante nas rutas das e dos autocaravanistas”.


A alcaldesa quere agradecer a implicación da Asociación Galega de Autocaravanas na posta en marcha das áreas de Goián e do Seixo e a súa participación activa para dalas a coñecer entre usuarios e usuarias. Sandra González recalca ademais a constante colaboración da Comunidade de Montes de Tomiño, que xa cedera hai anos os terreos e a edificación situados onde está agora zona de autocaravanas do Seixo e que fora reformada como instalacións da Policía Local e de Benestar Social.


The post Tomiño estrea a área do Seixo cunha concentración de autocaravanistas e moita música appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies