Noticias e alertas

Tomiño achégase a novas experiencias na recollida de residuos en Portugal

02/04/2024

Unha delegación municipal encabezada pola alcaldesa visitaron Maia e as instalacións de Lipor, unha agrupación que xestiona, valoriza e trata os residuos urbanos producidos polos 8 concellos que a integran 



Tomiño continúa a dar pasos no seu compromiso co medio ambiente e a sostibilidade, tamén na xestión de residuos urbanos. Unha delegación municipal composta pola alcaldesa, Sandra González; concelleiros e concelleiras e equipo técnico visitaron varias instalacións da área metropolitana do Porto para coñecer in situ os sistemas de recollida de residuos que se están a empregar e o seu posterior tratamento.


A rexedora reafirmou o compromiso do Concello “por facer de Tomiño un municipio aínda máis verde, unha implicación que se reflicte nesta viaxe formativa na que participou todo o Goberno municipal para coñecer de primeira man novas experiencias e explorar alternativas innovadoras na xestión dos residuos, impulsando a sostibilidade e a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.


A primeira parada da delegación tomiñesa foron as instalacións de Lipor, unha asociación de concellos fundada en 1982 que xestiona, valoriza e trata as máis de 500.000 toneladas de residuos urbanos producidas polo millón de habitantes dos oito municipios que forman parte da entidade: Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Porto, Póvoa de Varzim, Valongo e Vila do Conde.


Durante a visita á planta de tratamento do lixo, a delegación coñeceu de primeira man todas as iniciativas postas en marcha por Lipor nos últimos anos, como a implantación de sistemas para a recollida porta a porta, para a recollida selectiva ou incluso para o tratamento de biorresiduos. Alcaldesa, edís e equipo técnico puideron ver tamén en funcionamento o sistema informático de recollida implantado nestes oito concellos e que permite ter información actualizada do peso de residuos recollidos, da súa tipoloxía ou das diferentes rutas realizadas polos camións.


O percorrido completouse cunha visita a Maia, o concello con maior grado de implantación do sistema porta a porta (90% da súa poboación), no que a delegación puido coñecer in situ o funcionamento deste tipo de recollida. Ademais de asistir ao funcionamento cotiá deste sistema, puideron falar cos operarios e operarias municipais para debullar todos os detalles da súa implantación, seguimento, posibles incidencias que se atopan durante a recollida e mesmo a forma de solucionalas. A visita rematou cun percorrido pola central para ver o funcionamento do sistema informático que usan para o reporte de información, que recompila datos tan variados como as rutas de recollida dos camións ou o tipo de lixo que tira cada veciño e veciña na recollida porta a porta.







Para a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, esta visita “foi moi enriquecedora, xa que nos permitiu consolidar a nosa visión da xestión de residuos, con sistemas integrados que nos permita minimizar o lixo depositado nos vertedoiros e xestionar os residuos dun xeito sostible ambiental, económica e socialmente”.


A edil remarca o “compromiso que ten este Concello cos ODS e a Economía Circular vai máis aló de plasmalo nun papel e, agora que estamos redactando uns novos pregos para a xestión dos residuos, é o momento de decidirse por un sistema que nos permita conseguir obxectivos. Eses obxectivos veñen marcados dende Europa para os estados membros, que os trasladarán as Comunidades Autónomas e estas a súa vez aos Concellos polo que debemos estar preparados e ter datos de calidade”.


O Concello leva anos traballando en mellorar a xestións de residuos municipais. Neste camiño, Tomiño xa participara hai dous anos na viaxe realizada ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra a Navarra, País Vasco e Cataluña para coñecer e estudar no terreo sistemas de recollida de residuos tipo porta a porta ou de pago por xeración e visitar diferentes instalacións de compostaxe mixto de biorresiduos agrogandeiros e municipais.


The post Tomiño achégase a novas experiencias na recollida de residuos en Portugal appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies