Noticias e alertas

Aventuras e emocións na Escola Municipal de Teatro de Tomiño

30/04/2024

Aventuras e emocións na Escola Municipal de Teatro de TomiñoA Escola Municipal de Teatro de Tomiño abre as súas portas cada ano á rapazada para recibir a novas actrices e actores con moita ilusión. Despois de varios anos de funcionamento, a entidade está xa consolidada, converténdose en referente cultural na comarca do Baixo Miño tras o paso de máis de 300 nenos e nenas polo seu escenario nunha aventura fantástica na que xogar ao teatro da man do Pirata Escarapote e baixo a dirección de Tamara Campos, da compañía Migallas Teatro.


Expresión dramática, creación, ensaio e posta en escena para “introducir a todas e todos os participantes no mundo teatral ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo e se melloran os recursos expresivos e comunicativos”, como explican dende a Escola. E dá igual a idade.


A cativada comeza con tan só 4 anos buscando unha botella misteriosa onde están escritas as probas que se realizarán cada día guiados polo pirata Escarapote. Mediante este fantástico fío condutor, as e os cativos escoitarán contos, pintarán coñecerán pintoras, aprenderán historia, achegaranse á mitoloxía… todo é posible porque nunca saben o que lles espera. “Xogan ao fantástico xogo do teatro e, case sen darse conta, interiorizan habilidades teatrais e perden a timidez e a vergoña, enchéndose de recursos que os axudarán a lidiar co seu día a día”, lembra a directora. Ao final do curso, Escarapote recompensará a todas e todos cun fantástico tesouro que buscarán polas rúas de Tomiño ou Goián guiados por un mapa moi especial.


A partir dos 8 anos, a rapazada dá un novo paso e pasa a formar parte do grupo xuvenil, onde o xogo e a expresión faranse cómplices da creación colectiva con exercicios de desinhibición, expresión corporal e socialización, a través dos que tamén aprenderán a expresarse, a compartir o que senten, a xestionar as súas emocións e a sentirse parte dun grupo no que cada persoa é respectada e escoitada. E, como equipo, crear unha obra de teatro conxunta na que desfrutar unidas e unidos.


Na Escola Municipal de Teatro de Tomiño non hai textos para memorizar, non hai protagonistas. Cada obra é o resultado do traballo en equipo e guiado pola mestra, facendo que cada pequeno e pequena se sintan protagonistas da súa propia historia. E aínda que desta escola xa saíron actores e actrices profesionais, este non é o seu principal obxectivo, senón “darlle ferramentas ás persoas participantes para que a súa voz sexa escoitada, logrando así que sexan persoas seguras de si mesmas no futuro”.


The post Aventuras e emocións na Escola Municipal de Teatro de Tomiño appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies