Noticias e alertas

CEIP Plurilingüe de Tebra, espertando a paixón por aprender

19/03/2023

É só un dos múltiples proxectos que ten en marcha, cos que busca desenvolver ao máximo as potencialidades do alumnado


O presidente da ANPA, Juan Carlos Rodríguez; a directora do centro, Belén Fraga; e a coordinadora de Polos Creativos e Plan Dixital, María SánchezUnha nova forma de aprender, poñendo a nenos e nenas no centro, apoiando ás familias e poñendo en marcha unha ampla variedade de proxectos que buscan ante todo desenvolver ao máximo as potencialidades do seu alumnado. Esa é a proposta do CEIP Plurilingüe de Tebra, un centro escolar que vén de sumar os Polos Creativos da Xunta entre a longa lista de iniciativas educativas e servizos.


Involucrados na educación STEM, coa que incrementar o interese do alumnado por habilidades que estimulen o crecemento e o progreso científico e tecnolóxico, o centro participa nos Polos Creativos “cun proxecto artístico-matemático no que o alumnado mergúllase tanto nas matemáticas como na arte a través da costura e no que temos que agradecer a participación e implicación de María González, a propietaria da mercería Chantilly de Tomiño”. Ademais da máquina de coser, o alumnado participa tamén na radio escolar RadioLeo, empregan impresoras e lápices 3D ou manéxanse co Chroma, entre outros aspectos.


“Na nova lei educativa a adquisición de competencias e un eixo esencial, por iso no centro traballamos a través destes proxectos e programas que nos permiten achegar o contido ao alumnado dun xeito ameno, divertido e directo. E o proxecto artístico-matemático é un exemplo propio e innovador do traballo que estamos a desenvolver para que o alumnado acade estas competencias e poñe en práctica os coñecementos adquiridos”, explica a directora do centro, Belén Fraga.


O CEIP Plurilingüe de Tebra tamén está involucrado nos contratos programa Innova, como centro dinamizados de hábitos de vida saudable (EDUsaúde), comprometido co desenvolvemento sostible (EDUsostibilidade) e como modelo de calidade a nivel organizativo, de xestión e funcionamento (EDUcalidade). E nese camiño por acadar unha educación de calidade para todo o alumnado e contribuír á mellora do sistema educativo tamén participa en varias modalidades do programa Inclúe (Iguála-T, Convive-T, Inclúe-T e Emocióna-T) ou en diferentes proxectos de innovación educativa como o Digicraft ou Edixgal para os curso de 5º e 6º de primaria.


O propio alumnado do centro recolle o testemuño da innovación e desa curiosidade por seguir aprendendo coa creación de dúas cooperativas ao abeiro do programa DepoEmprende, ‘Tebralidades’ e ‘Recuncho creativo’. Interese que tamén amosan coa súa ampla participación no Club de lectura, que encaixa perfectamente no Plan de Bibliotecas Escolares no que participa o centro.


Unha implicación que se leva tamén a novos proxectos postos en marcha, como os Patios inclusivos, unha iniciativa deseñada e consensuada co alumnado que o vindeiro mércores 22 de marzo presentarán ao Concello de Tomiño. Tras o encontro, o Consello de delegados e delegadas do centro acudirán ao mercadiño para mercar tomates, leitugas, amorodos… para planta na recentemente estreada horta escolar.










Outra das grandes características do colexio é a súa inmersión lingüística, xa que dende os 3 anos impártese a área de psicomotricidade en inglés e en educación primaria a área de Educación Física. “Temos a sorte de contar cun auxiliar de conversación filipina que se adaptou moi ben ao noso centro e a Tomiño e que xa pediu continuar o vindeiro curso con nós”, salienta a directora.


Precisamente pensando no vindeiro curso, as titoras de 5º e 6º de primaria do centro xa solicitaron a participación en Proxectos Europeos, que permitiría ao alumnado implicarse nunha iniciativa medioambiental con estudantes de colexios de Bulgaria, Turquía e Grecia.


Nenos, nenas, familias e conciliación son o eixo central deste colexio, que conta cun comedor escolar xestionado pola Consellería de Educación dende este mesmo curso e que está a crecer de forma rápida, polo que o vindeiro curso solicitarase á dobre quenda.


Nese compromiso co día a día do centro, a ANPA traballa tamén para poñer a disposición do alumnado o maior número de actividades que complementen a súa formación e permita ás familias unha maior conciliación. Así, coa axuda do Concello, cada ano financian as actividades extraescolares de baile e cociña de balde ou de inglés e informática a baixo custo.


A ANPA tamén achega o seu gran de area na conciliación das familias coa posta en marcha dende hai anos da aula matinal, totalmente gratuíta para asociados. Dende a asociación de nais e pais realizan tamén xornadas de sensibilización sobre igualdade ou de prevención da violencia machista con actividades lúdicas como maxia, teatro ou incluso acrobacias aéreas. Ademais, cada ano rematan o curso cunha agardada fesa coa que dar a benvida ao verán e cun campamento nunha zona de costa para que os nenos e nenas de 6º de primaria co resto de centros escolares tomiñeses para ir coñecendo aos seus futuros compañeiros e compañeiras ao chegar ao instituto.


The post CEIP Plurilingüe de Tebra, espertando a paixón por aprender appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies