Noticias e alertas

‘As que limpan’, a loita das kellys galegas

16/03/2023

A compañía A Panadaría pode gabarse de coleccionar premios coas súas comedias, historias que raian o irreverente para facer ao público chorar da risa, pero que tamén chegan directas á boca do estómago para remover conciencias. As súas actrices e fundadoras chegan este domingo 19 a Tomiño para subirse ao escenario co seu espectáculo ‘As que limpan’, unha obra que reivindica a loita das camareiras de piso galegas para conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos, pero que tamén fala de mulleres e do chan mollado sobre o que camiñan cada día.


‘As que limpan’ fala da loita organizada das limpadoras de piso de hoteis contra a cobiza dos donos e donas das cadeas hoteleiras. Un cartel pendurado no manubrio da habitación. “Por favor, arranxe o cuarto”. Ao regreso da praia as camas están feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Todo grazas ás que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador, encargadas de que á volta das persoas hospedadas a súa habitación estea impoluta pero cun traballo que non está valorado.


Neste espectáculo escrito e dirixido por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, fundadoras da compañía, as actrices formúlanse preguntas como se é posible revalorizar este traballo e desligalo do xénero, se existe un turismo sostible ou… quen limpa na casa da limpadora? Porque hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a veciñanza a gozar dunha tarde de teatro con esta obra “que nos divertirá ata a saciedade pero que tamén nos fará reflexionar sobre a loita das limpadoras de piso dos hoteis e sobre as dificultades que teñen as mulleres na súa vida cotiá formulándonos preguntas para as que moitas veces non temos resposta”.


A obra representarase no auditorio municipal de Goián ás 19.00 horas. A entrada terá un prezo de 5 euros para persoas adultas e de 2,5 euros para menores de 12 anos.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies