Noticias e alertas

A Concellería de Medio Ambiente de Tomiño lembra as normas de convivencia para garantir a limpeza do municipio

05/08/2022


Nas últimas semanas tense detectado un uso irresponsable destes servizos de recollida de lixo, que afecta negativamente a toda a veciñanza xa que, ademais de provocar impactos directos (sucidade, malos cheiros, sensación de abandono, etc.), supón alteracións no sistema de recollida, que se pode ver desbordado.


O Concello conta cun servizo para a xestión dos residuos voluminosos ou residuos especiais que non poden ser depositados nos colectores, ademais dunha decena de puntos verdes para a xestión dos restos leñosos de poda, que pon a disposición da veciñanza. A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Tomiño quere recordar á cidadanía as normas de convivencia que garanten a limpeza do municipio, e que son responsabilidade de todas e todos. “Se toda a veciñanza utiliza as canles adecuadas para desfacerse do lixo, non se verían situacións como as das imaxes, que a todos e todas nos indignan”, declara a concelleira responsable, Ana Belén Casaleiro.


Para a xestión destes residuos especiais, que non poden ser depositados nos colectores das distintas fraccións, hai diferentes opcións. Os mobles e demais aveños contan cunha recollida específica para voluminosos, chamando previamente ao Concello e comunicando a necesidade da súa recollida.


Os restos de poda pódense depositar nos puntos habilitados para iso: os puntos verdes, cuxa ubicación pode consultarse na páxina web municipal https://revitaliza.tomino.gal/puntos-verdes/


Nestes puntos verdes (hai unha decena distribuídos por diferentes parroquias) só está permitido deixar restos leñosos que se poidan triturar, nunca follas, herba ou céspede. Alén diso, tampouco se poden depositar bolsas de plástico ou materiais inertes nestes espazos.


Respecto ás moitas bolsas de plástico cheas de céspede, follas secas e herba, atopadas nos puntos verdes, a concellería lembra que se trata dun material moi lábil que se composta moi rápido e aporta moitos nutrientes á terra, polo que recomenda facer unha pila independente ou ir engadíndoo pouco a pouco ao composteiro. Tamén se pode usar de acolchado na horta ou nas árbores froiteiras para evitar que crezan herbas non desexadas, á vez que se vai descompoñendo e nutrindo a terra.


“Deixar estes restos en bolsas de plástico pechadas, ademais de aumentar o uso de plástico innecesario, fai que se descompoñan anaeróbicamente (fermenten e podrezan) provocando malos cheiros”, comenta Casaleiro.


No referido ás cousas que a veciñanza non se atreve a botar en ningún colector, recomendan preguntar no Departamento de Medio Ambiente, xa que “todo residuo depositado fóra do colector, sen previo aviso, é un residuo mal depositado, e unha acción que se pode sancionar, ademais de constituír un perigo, xa que se poden romper, ser trasladados por condicións meteorolóxicas adversas e incluso provocar accidentes”.


Por último, lembran a obriga de separar as distintas fraccións, con especial mención á orgánica. O Concello ten recollida separada de vidro, envases lixeiros, papel/cartón, roupa, pilas e aceite usado de cociña, e tamén ten a disposición de toda a veciñanza composteiros individuais para biorresiduos. No colector verde (o de resto), só debe ir o que non pertenza a estas fraccións, e tería que ser un porcentaxe mínimo de lixo.

The post A Concellería de Medio Ambiente de Tomiño lembra as normas de convivencia para garantir a limpeza do municipio first appeared on Concello de Tomiño.

Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies