Noticias e alertas

‘Eureka’ descobre os misterios do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño con 14 aventuras ao aire libre

25/04/2024

EuRural pon en marcha unha serie de escape rooms dixitais temáticos relacionados coa cultura, historia e patrimonio de cada un dos concellos do territorio


O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa os seus esforzos por impulsar o turismo e a diversión ao aire libre no territorio cunha iniciativa innovadora, ‘Eureka’, un produto turístico centrado na realización de 14 escape rooms dixitais que levarán ás persoas participantes a explorar diferentes recunchos dos 14 concellos do Xeodestino.


“É unha orixinal iniciativa que non só ofrecerá ás e aos visitantes unha experiencia única para descubrir a riqueza cultural e natural do noso territorio, senón que tamén promoverá a colaboración entre os concellos do Xeodestino e fomentará o coñecemento do resto do territorio”, destacou Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural e alcaldesa de Tomiño, durante a presentación dos xogos dixitais no Porriño.


Para coñecer un pouco máis os concellos do Xeodestino, estes escape rooms de balde ofrecerán desafíos lóxicos e enigmas contextualizados na cultura local, incluíndo personaxes históricos e elementos naturais do municipio no que se celebre. Catorce aventuras para desentrañar os misterios do territorio a través de códigos QR e xeolocalización para a resolución das distintas probas, garantindo unha experiencia inmersiva coa que mergullarse na realidade dos 14 municipios.


A presentación de Eureka contou cunha pequena demostración do que serán estes xogos virtuais na que participaron ademais de Sandra González, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; o alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero; a rexedora de Oia, Cristina Correa; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; a concelleira de Baiona, Sheila González; a de Mos, Sara Cebreiro; a do Porriño, Vanessa Ucha; a de Redondela, Rita Pérez; a de Soutomaior, Silvia Cernadas; e a concelleira de Tui, Ana Núñez.


Tomiño contará cun escape room centrado no Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago o vindeiro 20 de xullo. Todos os xogos virtuais estarán deseñados para todas as idades e contarán cun premio para o grupo de persoas que complete a proba en menor tempo: unha experiencia turística para ata seis persoas valorada en 500 euros noutro concello do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Ademais, entre todas as persoas participantes cada concello sorteará un lote de produtos do territorio valorado en 150 euros.


As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro da actividade para a formación dos equipos. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Cada xogo abrirase na data de celebración do evento e permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.


A programación de datas, concellos e temáticas será a seguinte:



  • 12 de maio. Baiona. ‘Arribada da Carabela Pinta’.

  • 18 de maio. Nigrán. ‘Domingo Villar – A praia dos afogados’.

  • 16 de maio. Tui. ‘A cidade de Doña Urraca’.

  • 8 de xuño. Mos. ‘Festa da Rosa’.

  • 15 de xuño. A Guarda. ‘A esencia mariñeira’.

  • 22 de xuño. O Porriño. ‘Antonio Palacios’.

  • 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.

  • 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.

  • 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.

  • 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.

  • 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.

  • 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.

  • 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.

  • 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.


Toda a información pormenorizada das actividades, con horario e puntos de encontro están dispoñibles na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.


The post ‘Eureka’ descobre os misterios do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño con 14 aventuras ao aire libre appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies